Ciclousuarios e ciclousuarias contra o cambio climático

Baixo o lema “Mudemos o sistema, non o clima!”, a Rede Anticapitalista únese desde Galiza á xornada global de mobilización contra a mudanza climática neste 12 de decembro.

Mudemos o sistema, non o clima!

Mudemos o sistema, non o clima!

Faino defendendo os tres “c” do principio da Xustiza Climática: contracción (redución) das emisións mundiais; converxencia nas emisións por habitante; e compensación dos gobernos e transnacionais que son responsábeis da crise climática aos que sufren as súas consecuencias.

Este evento desenvólvese paralelamente ao de centos doutras cidades do planeta e en coordenación coa manifestación desenvolvida esta mañá en Copenhage.

A mudanza climática é a cara máis preocupante dunha crise socioambiental global que afunde as súas raíces no produtivismo e no consumismo. Un problema cuxos principais responsábeis son os gobernos e as transnacionais dos países enriquecidos, xunto coas institucións internacionais do Banco Mundial, o Fondo Monetario Internacional e a Organización Mundial do Comercio, mais que golpea primeiro e máis forte ás persoas máis pobres.

Con esta acción, a Rede Galega Anticapitalista demanda:

  • Unha redución do 40% das emisións dos países desenvolvidos en 2020 a respecto dos niveis de 1990. Esta diminución deberá realizarse no territorio de cada país, sen recorrer aos mercados de carbono. Para metade de século a redución das emisións debería ser do 100%, a adopción por parte da Xunta e dos Concellos de planos para reducir drasticamente as emisións galegas de gases de invernadoiro. As nosas emisións por habitante de CO2 procedente da queima de combustíbeis fósiles son dúas veces e media superiores ás chinesas e multiplican case por nove as da India.
  • Unha rápida e potente implementación de solucións apropiadas á crise climática, como o aforro enerxético; o desenvolvemento das enerxías renovábeis de forma descentralizada e respectuosa co territorio para substituír os combustíbeis fósiles; a promoción dos modos transporte sustentábel e a desincentivación dos que non o son; a soberanía alimentar e a agroecoloxía; ou o consumo responsábel. Rexeitamos solucións falsas e contraproducentes como a enerxía nuclear, os agrocombustíbeis ou as plantacións de eucalipto. O financiamento e a transferencia de tecnoloxía desde os países enriquecidos aos empobrecidos para que constrúan economías baixas en carbono, se adapten aos efectos negativos da mudanza climática que xa son inevitábeis e reduzan a deforestación.

Estamos convencidos de que a salvación do clima non virá dun imposíbel “capitalismo verde”. O crecemento indefinido da produción e o consumo é inherente ao sistema económico capitalista e non pode ser soportado por un planeta finito. Estamos a chocar contra os límites ambientais. Para solucionarmos de forma efectiva e xusta o cambio climático e os demais problemas socioambientais, en último termo, é necesaria unha transformación radical do modelo de produción e consumo para tornalo equitativo e sustentábel. Iso implica que nos países enriquecidos debemos apostar polo decrecemento e abandonar a ilusión do “crecemento sustentable”.

prensa@redeanticapitalista.orgEste enderezo de correo-e está protexido contra spam bots, necesitas ter o Javascript activado para podelo ver

Envía un comentario

O teu e-mail nunca será publicado nin divulgado. Os campos requeridos están marcados con *

*
*