A cidadanía galega na Revolta Global

Chamamento feito con motivo da presentación pública da Ra! o 28/03/2009, no Día de Acción contra o G20. “A cidadanía galega xunto cos seus movementos sociais, que en momentos recentes demostrou ter unha gran capacidade de mobilización e dignidade, non vai quedar parada e vai participar na revolta global que xa comezou nos países do Sur e tamén aquí. Por outra Europa social, dos pobos e non das multinacionais.”

A CIDADANÍA GALEGA NA REVOLTA GLOBAL

O mundo enteiro está en crise, unha crise de dimensións múltiples, unha crise de traballo, de acceso aos alimentos, enerxética, medioambiental e financeira. As solucións que nos impoñen desde o poder –máis libre comercio, máis cartos públicos para rescatar os bancos, o sector automobilístico e inmobiliario, máis oligopolios, máis transxénicos, etc.– tratan de esconder que a crise é produto do sistema capitalista e do neoliberalismo, que só afondarán os seus impactos sobre os pobos, as persoas e sobre o conxunto do planeta.

A resposta fulminante dos gobernos dos países máis industrializados para rescatar os bancos e as institucións financeiras contrasta severamente co seu fracaso en responder a esta crise irresolta de pobreza, marxinalización e privacións que aflixiu á maioría dos pobos do mundo durante tanto tempo. Nunhas poucas semanas, estas elites comprometeron varios billóns de dólares de fondos públicos para rescatar bancos privados e institucións financeiras privadas.

As finanzas desregulamentadas destrúen as sociedades, sendo nas crises agudas nas que se revelan brutalmente os incribles excesos da cobiza especulativa e a súa repercusión sobre o medio ambiente e a vida das persoas. Crecemento das desigualdades, paro, precariedade, destrución medioambiental, liquidación de explotacións produtivas no sector primario, etc.

Galiza non é allea a esta situación. A crise vén agravar a situación creada por políticas neoliberais dos distintos gobernos: desestruturación social, crecemento da precariedade laboral, desmantelamento de infraestruturas claves de vertebración territorial e de transporte sostible, recorte nos servizos públicos, proceso de desertización do mundo rural e de liquidación das pequenas e medianas explotacións agrogandeiras familiares, desmantelamento do tecido produtivo mariño, políticas de agresión ao medio ambiente.

En xeral, a esquerda institucionalizada abandonou hai tempo os seus programas de transformación social, ben porque non quere ben porque non é quen de levar adiante propostas de cambio.

Somos os movementos sociais e as cidadanías de diferentes rexións do mundo os que temos dado a cara diante da incertidume. Primeiro poñendo en marcha un movemento de resistencia diante dos diferentes cumios dos amos do mundo. Segundo, xerando espazos de reflexión en diversos foros sociais. E, de seguro, artellando propostas programáticas de cambio como xa o están a facer as organizacións sociais e movementos cidadás en diversas partes do mundo.

O proceso de globalización neoliberal posto en marcha desde o inicio dos anos noventa ten demostrado que o modelo socioeconómico de capitalismo global ten sido un fiasco no desenvolvemento humano do pobos e no medioambiental dos territorios. A globalización construíuse de costas ás persoas e á custa do planeta.

Os movementos sociais e organizacións cívicas galegas imos artellar unha rede para a mobilización global que teña como elementos vertebradores:
- Unha iniciativa plural e aberta a todas aquelas persoas e colectivos que queren impulsar un proxecto de cambio estratéxico sistémico. Politizar a acción social nun proceso dinámico de mobilización e incidencia política que, sen caer nun principismo paralizante que nos leve a unha vía morta, nos permita trazar unha aposta de cambio lonxe do modelo que sitúa aos movementos sociais como subalternos dos partidos políticos.

- Unha aposta transversal. Un dos grandes logros do sistema é a fragmentación de loitas. Faise necesario artellar redes globais e transversais de cambio.

- Unha opción programática que teña como piares a radicalidade democrática, o modelo económico sustentable ao servizo das persoas en harmonía coa natureza e a xustiza social global. Unha proposta que busque solucións reais no decrecemento, a sustentabilidade e a soberanía alimentaria.

Trátase de elaborar novas pólas políticas que antepoñan os dereitos presentes e futuros da humanidade aos intereses do capital:

  • Dereito á soberanía alimentaria dos pobos
  • Dereito a un traballo e a unha vida digna e contra a precariedade laboral e as novas formas de escravitude
  • Remuneración correcta do traballo
  • Deslexitimación das políticas económicas e sociais que reporducen as estructuras patriarcais
  • Defensa e extensión dos servizos públicos
  • Mantemento dos valores ambientais (especies e espazos), dos recursos naturais (auga, sementes…) na esfera do público
  • Dereito ao medio ambiente fronte ás agresións ao territorio
  • Sustentabilidade enerxética
  • Defensa das liberdades e novas formas de participación democráticas
  • Defensa dos dereitos humanos, a multiculturalidade e a paz

Estamos inmersos nunha crise global sen precedentes. Na nosa man está buscar os mecanismos para que esta non sirva para fortalecer políticas económicas desiguais e inxustas. Mentres os líderes mundiais pretenden refundar o capitalismo, os movementos sociais debemos abordar o calendario e os instrumentos para converter o 2009 nun ano de acción global contra o capitalismo con resultados efectivos e non só efectistas. A crise económica mundial podemos e debémola converter nunha oportunidade histórica de transformación.

Nós, a Rede Anticapitalista, apoiamos unha transformación imprescindible e de longo alcance do sistema económico e financeiro internacional.

Non nos resignamos. Cremos que o cambio do mundo é posible!

A cidadanía galega xunto cos seus movementos sociais, que en momentos recentes demostrou ter unha gran capacidade de mobilización e dignidade, non vai quedar parada e vai participar na revolta global que xa comezou nos países do Sur e tamén aquí. Por outra Europa social, dos pobos e non das multinacionais.

Envía un comentario

O teu e-mail nunca será publicado nin divulgado. Os campos requeridos están marcados con *

*
*